O Festiclown móllase na presentación do Formaclown
Iván Prado, representando a organización promotora do Festiclown Coper@ctiva, e os clowns Jango Edwards e Peter Ercolano botáronse a nadar na lagoa do Auditorio de Galicia para simbolizar deste xeito que “o Festiclown móllase pola risa e nunca se sabe o que pode acontecer”, en palabras do propio Iván Prado.Ás 12:00 horas da mañá do martes 1 de agosto estaba prevista a rolda de prensa para presentar, no Auditorio de Galicia, o Formaclown, unha sección das máis reclamadas dentro do Festiclown e das que máis prestixio lle dan a este. Pero cinco minutos antes do comezo do evento o escenario deixou de ser o Auditorio para cederlle o protagonismo ao parque que o rodea.
Unha banda musical de clowns seguida por un axente das ‘forzas da orde’ deu o sinal para o comezo da presentación. Nela Peter Ercolano, Jango Edwards, Pablo Trasno, Sergio Claramunt e Pablo Pudnik, acompañados do concelleiro de Cultura, Néstor Rego e de Iván Prado foron os encargados de dar a coñecer con breves intervencións o contido de cadanseu obradoiro dentro do Formaclown deste ano.